Aberto o prazo de inscrición para Galicia Open Future para impulsar 50 proxectos Empresariais de Galicia

Telefónica vén de abrir o prazo de inscrición para participar na terceira edición de Galicia Open Future, o gran centro de emprendemento galego impulsado en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que ofrece a 50 proxectos empresariais innovadores a posibilidade de evolucionar a súa idea co obxectivo de impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia.

As empresas e profesionais interesados en formar parte de Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas desde hoxe e ata o 15 de abril, cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na seguinte dirección: http://galicia.openfuture.org/. No mes de maio, e unha vez finalizada a preselección inicial, daranse a coñecer os nomes dos 50 proxectos elixidos para formar parte desta segunda convocatoria.

Formación especializada e programa de incentivos da Xunta
O programa, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses -prorrogables en períodos de 3 meses-, durante a cal os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.

A través do Programa de Incentivos da Xunta, la Axencia Galega de Innovación –GAIN- achega unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados, e a través da plataforma web openfuture.org, poden entrar en contacto tamén con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica- no que se integra Galicia Open Future-. O obxectivo desta plataforma é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial.

Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Recibirán unha achega, nese caso, de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.

Máis de 300 iniciativas presentadas
Un total de 330 iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica concorreron as dúas primeiras edicións de Galicia Open Future. Dos 100 seleccionados en ambas unha maioría experimentou unha forte consolidación e accederon a novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes (Telefónica, Sergas…) e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración.

O contido desta noticia foi publicado primeiro na web da Xunta de Galicia

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *