Galicia celebra o 4º centenario da morte de Cervantes e Shakespeare da man de Ignacio Vidal-Folch no ‘Nexos’ o Día do Libro

A Consellería galega de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o vindeiro 23 de abril, o Día do Libro, o cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes e William Shakespeare da man do xornalista e escritor Ignacio Vidal-Folch. Será nunha nova sesión do ciclo de cultura contemporánea ‘Nexos’ en substitución do escritor Juan Bonilla.

Por motivos alleos á Cidade da Cultura, o relator previsto para esta sesión, Juan Bonilla, non poderá acudir ao Nexos, polo que será substituído polo escritor e xornalista Ignacio Vidal-Folch. Grande apaixonado dos cómics, foi director da sección de cultura dos xornais La Vanguardia e ABC, así como colaborador habitual en El País e El Mundo. Ten publicado numerosos libros de contos, ensaio e novela, logrando en 1998 o Premio NH de Relatos pola obra ‘Más lejos y más abajo’ e en 2014 o Premio Ciutat de Barcelona por ‘Pronto seremos felices’. Entre 2010 e 2012 foi guionista e presentador do programa literario Nostromo (La 2, TVE).

Actuación do Grupo 1500 de Música Antiga
Vidal-Folch abordará esta efeméride tan sinalada, sinalando os paralelismos entre as vidas das dúas figuras, cumios das letras en lingua española e inglesa. Mais tamén tratará de evidenciar as súas diferenzas, mergullándose nas súas vidas cotiáns, na súa reputación social, na súa circunstancia persoal e, todo iso, situado no contexto intelectual e político da época.

Tras o relatorio de Vidal-Folch, a sesión completarase coa actuación ‘Músicas arredor de Cervantes e Shakespeare’ do Grupo 1500 de Música Antiga, que interpretará pezas vocais e instrumentais recollidas directamente da obra de ambos escritores, ademais doutras coetáneas que reflicten o ambiente musical (cortesán e popular) daquel momento histórico.

As prazas están esgotadas pero hai aberta unha lista de espera. Aquelas persoas que desexen formar parte da mesma poden mandar un mail a online@cidadedacultura.org cos seus datos e persoais e número de prazas a solicitar. En caso de que se produza algunha renuncia, a organización poñerase en contacto cos solicitantes por estricta orde de chegada dos correos electrónicos.

E como o obxectivo é ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados, os asistentes están convidados tras a sesión a un viño e un petisco por cortesía da bodega Martín Códax e Pan do Mar, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.

Sesión para nenos
Esta nova sesión de Nexos contará tamén cunha sesión infantil para nenos de 6 a 12 anos, que se achegarán á figura de Cervantes e Shakespeare a través de varios libros de banda deseñada do autor galego David Rubín. Ademais, levarán a cabo dous murais colectivos nos que comparar as vidas dos dous autores e nos que se realizarán novos poemas artellados a partir dos seus versos.

O contido desta noticia foi publicado primeiro na web da Xunta de Galicia

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *